O Consello Evanxélico de Galicia (CEG) celebrou a reunión de Asemblea Anual este ano, no local da Igrexa de Asembleas de Irmáns na Ramallosa, no Concello de Teo, integrado na Comarca de Santiago. A asemblea tivo lugar o sábado, 11 de marzo de 2023.
A primeira convocatoria estaba prevista para ás 10:30 horas e en segunda convocatoria para ás 11:00 horas. O desenvolvemento da asemblea axustouse aos puntos establecidos previamente na orde do día. En relación aos puntos para tratar, destácase nesta nota a elección de novos cargos e o plan de traballo en desenvolvemento do novo convenio para a área sanitaria sobre o traballo de capelanía asinado entre o Consello Evanxélico e o SERGAS.
Na elección de novos cargos, accede á presidencia do Consello Evanxélico de Galicia, Antonio Pazos Couto por un período de dous anos. Pola súa banda, o presidente saínte, Juan Martínez Lagos, sinalou na súa despedida “o agradecemento polo apoio recibido durante o seu mandato”. O presidente, que deberá ser membro da Xunta do CEG como mínimo cun ano de antigüidade, non poderá repetir mandato de maneira consecutiva debendo asumir a quenda da presidencia o seguinte membro segundo a orde de rotación establecido nos Estatutos do CEG. https://conselloevanxelico.org/nosotros/saludos/
Como representantes das diferentes denominacións de igrexas entran a formar parte do Xunta do Consello Evanxélico de Galicia, o representante denominacional de Buenas Noticias, José Antonio Cillero Campo e o das Igrexas de Deus Pentecostales, Miguel Zapata Alcayde. Este ano o resto de representantes continúan o seu mandato o cal deberá ser ratificado polas súas denominacións cada dous anos sen límite de mandatos. https://conselloevanxelico.org/xunta-del-ceg/
En relación aos novos membros que se suman para asumir responsabilidades en varias consellerías, mencionamos a incorporación do conselleiro de Asistencia Relixiosa en Prisións, Fernando Núñez Freire e a conselleira de Diaconía, Carolina Currás Rodríguez. Por outra banda, indicar que, para a Consellería de Mocidade, a Consellería de Patrimonio e a Asesoría Xurídica non se presentaron candidaturas, polo cal continúan vacantes. O tesoureiro e o resto de conselleiros/as, que tamén deberán ser avalados cada dous anos polas súas congregacións continúan realizando o seu labor ata o ano que vén.
Ademais, lembrouse que finaliza o próximo ano o mandato do secretario executivo, Germán Collazo Fernández, tras oito anos máis un de prórroga no cargo. Segundo os Estatutos do CEG non poderá ser prorrogado o seu mandato.