Quen Somos

O Consello Evanxélico de Galicia é a federación de igrexas que agrupa a maior cantidade de Igrexas Evanxélicas de Galicia. Atópase dentro da estrutura da Federación de  Entidades relixiosas evanxélicas de España  (FEREDE), e a representa  no  eido  da Comunidade Autónoma de Galicia. Non somos unha Igrexa, senón unha entidade asociativa que acolle na súa membresía Igrexas de diferentes carácteres e tendencias, pero cunhas bases comúns de crenza e doutrina que nos definen como “evanxélicos”.

 O Consello Evanxélico de Galicia traballa polo ben común de tódalas Igrexas e crentes evanxélicos de Galicia. En tanto que non somos unha igrexa, os nosos fins e obxectivos non son relixiosos exclusivamente. Promovemos e fomentamos a unión, a comunicación, e a colaboración das Igrexas e institucións Evanxélicas, establecendo canles informativos precisos e plans de actuación conxunta en asuntos que contribúan o desenvolvemento dos fins das entidades membros.

Defendemos, en nome de todos, o dereito a liberdade relixiosa e de culto, así como o dereito a liberdade de conciencia; tamén traballamos en proxectos de alcance xeral que poidan beneficiar, visibilizar e representar aos evanxélicos da nosa terra.

Somos os representantes recoñecidos por parte das Administracións Públicas de Galicia; e como tales asinamos acordos e convenios coa Xunta de Galicia; acordos nos que estamos a traballar para a súa actualización e renovación.

Pero, por riba de todo o antes citado, somos cristiáns, cristiáns evanxélicos; e iso defínenos e diferéncianos. Aínda coas nosas diferenzas, hai unha “base doutrinal” que tódolos membros do Consello Evanxélico de Galicia subscriben e respaldan; e que nos une a todos nun mesmo corpo, nun mesmo pobo.

Tamén somos Galegos, o que remata por nos definir dunha forma esencial, entendendo “galegos” nun sentido amplo de xentes (non importa a súa procedencia) que viven e aman Galicia, traballan polo seu desenvolvemento e se senten vencellados a esta terra.

En resumo, pódese dicir que o Consello Evanxélico de Galicia é a entidade non eclesial que representa e defende aos evanxélicos galegos, traballando polo desenvolvemento desta terra dende unha óptica cristiá e evanxélica. Se desexa saber máis de nós, quedamos ó seu dispor.