Historia do Protestantismo en Galicia

É ben sabido por todos que o protestantismo non é un movemento relixioso novo, nace no século XVI como revisión do cristianismo católico romano, pero fundaméntase na vida dos primeiros cristiáns. Pero que sabemos da presenza protestante evanxélica en Galicia?

Historicamente España estivo hermeticamente pechada ás correntes reformistas por séculos. E é por isto que non é ata o ano 1875 cando nace a primeira comunidade protestante galega estable.

O protestantismo contou na nosa terra con tres axentes de esparexemento:galicia

Antigos protestantes da segunda reforma: eran poucos, pero fixeron un labor, moi relevante cualitativamente. Ao retornar do exilio, amparados polos cambios da revolución de 1868, consagraron as súas vidas ao esparexemento da Biblia e á defensa de liberdade de conciencia.

Misioneiros ingleses pertencentes unha nova corrente de renovación espiritual – os irmáns de Plymouth -, xurdida na igrexa anglicana, que desenvolveu un movemento a nivel mundial de gran resonancia pola maneira e bo quefacer dos seus membros, que se dispuxeron a traballar nas zonas de maiores dificultades, entre as que se atopaba a Galicia do século XIX.

Galegos emigrantes retornados de países tradicionalmente protestantes, como o Reino unido ou países onde a difusión do protestantismo desenvolvíase sen dificultade, como Cuba, Venezuela ou Francia. Estes retornados volvían coa Biblia na man e introduciron o protestantismo entre os seus familiares e veciños, labor no que se apoiaban sobre todo nun novo estilo de vida e un comportamento ético que non pasaba desapercibido.

Ademais dos tres axentes anteriores mencionados, tamén é importante reseñar como axente de esparexemento a literatura procedente dos portos de Europa, especialmente de Inglaterra.

Todos estes axentes coordinaban as súas forzas formando equipos de esparexemento da Biblia: os coñecidos “colportores”, axentes das sociedades bíblicas que percorreron toda Galicia desde 1870, primeiro a pé, logo nas primeiras bicicletas que se viron aquí -os paisanos chamábanlles “o demo montado” – sen deixar case ningunha parroquia de costa e interior sen visitar.

Historia do protestantismoAdemais os misioneiros dedicaron moitos esforzos ao ensino e a sanidade, tan deficitarios na Galicia “decimonónica”. Tivo unha gran repercusión a escola protestante de Marín, pero non foi a única, de feito, en todas as parroquias nas que se alcanzou un grupo estable, organizábanse clases para nenos e adultos; nos galegos que se convertían ao protestantismo xerábase un fondo e profundo desexo de ler a Biblia persoalmente e isto estimulaba os desexos de aprender a ler. Pero as escolas protestantes eran libres e gratuítas tamén para todos, independentemente da súa confesión xa que isto era entendido como un servizo á comunidade. Igualmente sucedía na área sanitaria, na que se esforzaban por transmitir educación sanitaria preventiva.

Como consecuencia deste traballo realizado establecéronse puntos estables de comunidades protestantes como por exemplo: A Coruña (1875), Ferrol (1876), Vigo (1878), Marín (1882), San Clodio (1885), etc… xa no século XX Ares (1916), Celanova (1936)… todos estes son tan só unha mostra daquelas comunidades pioneiras que se mantiveron no tempo ata alcanzar, hoxe en día, algo máis de 200 comunidades.

O franquismo supuxo unha severa dificultade para o protestantismo galego: a maioría das igrexas foron pechadas nos primeiros tempos e os seus membros perseguidos. O desexo de alcanzar o recoñecemento dos dereitos fundamentais de liberdade de pensamento, de conciencia e de culto – demandado por unha escasa minoría da poboación- chocaba de fronte cun sistema político-ideolóxico que negaba a diversidade como dereito. Así, a pugna era inevitable. A actitude dos evanxélicos foi a da resistencia pasiva, sen deixar de reclamar os seus dereitos e a súa liberdade de conciencia, pero dunha maneira non belixerante. Moitos optaron pola emigración.

A emigración foi o motivo polo cal algúns destes núcleos desapareceron, como foi o caso entre outros de Celanova ou Ribadavia.

Novos ventos sopraron para os protestantes galegos coa chegada da democracia a finais dos anos setenta. Na década dos anos 80 coa promulgación tan esperada Lei de Liberdade Relixiosa e máis concretamente no ano 1986 cando se constitúe a Federación de Entidades Relixiosas Evanxélicas de España (FEREDE). O día 10 de Novembro de 1992, aparecen no Boletín Oficial do Estado os Acordos de Cooperación do estado coa FEREDE, despois de recoñecerlle ao protestantismo español un “notorio arraigamento”.

Desde a publicación da citada norma e como consecuencia da organización do territorio español e a vertebración dos poderes públicos comezouse un proceso de constitución de consellos evanxélicos autonómicos que agrupaban ás igrexas da FEREDE www.ferede.org, das comunidades autonómicas para materializar o espírito de colaboración cos poderes públicos no relacionado coas competencias autonómicas.

É así que nace no ano 1997 o Consello Evanxélico de Galicia, órgano que traballa desde entón para completar a normalidade relixiosa na nosa Galicia.