Está prevista a celebración das Olimpíadas Evanxélicas de Galicia no Estadio Universitario do Campus de Elviña da Coruña, organizadas pola Agrupación Deportiva Evanxélica de España. Será o vindeiro sábado, 13 de xuño de 2026 cando celebraremos un fito histórico para a nosa comunidade: o 25º Aniversario da Olimpíada Galega, unha xornada de convivencia, esforzo deportivo e, sobre todo, de testemuño de fe no estadio.

Unha mañá de superación deportiva
A xornada comezará cedo coa montaxe das instalacións, seguida da benvida oficial ás 11:00 h. A competición dará comezo co Maratón (11:05 h) e a Carreira Popular (12:15 h), para continuar coas probas de saltos, lanzamentos e carreiras de velocidade antes do xantar de irmandade.
Tarde de celebración, música e testemuños
A partir das 16:00 h, o estadio encherase de cor co desfile oficial, que terá como protagonista o polbo e contará tamén coa aparición doutra mascota cuxa identidade se manterá en segredo ata ese momento. Todo isto estará acompañado pola música do Coro LEMA e un tempo de louvanza.
Pero esta non será a única sorpresa que nos agarda… Haberá algunha máis!
O prato forte: testemuños que inspiran
Contaremos coa participación de Ezequiel Gago Troitiño, un referente da elite mundial no Wu-Shu e no Kungfu. Ezequiel compartirá o seu testemuño persoal tras unha carreira deportiva excepcional, na que se proclamou subcampión de Europa e conseguiu múltiples medallas en campionatos mundiais, sumando ademais 18 campionatos de España en diversas modalidades.
Xunto a el, tamén compartirá a súa experiencia Donato, ofrecendo ambos unha visión de como a fe guía a disciplina e o éxito deportivo.
Peche da xornada
Tras as emocionantes probas de remudas, a tarde concluirá coa entrega final de copas, cunha dedicatoria especial a Juan Víctor, mozo falecido en Lugo hai unhas semanas mentres practicaba kaiak no río Miño, na zona dos Peares.
Finalmente, o evento será clausurado polo pastor Timoteo Figueirido Woodford ás 20:00 h.
Convidamos a todas as familias a unirse a esta gran festa do deporte!
