No marco do Día do Evanxeo e a Festa da Esperanza, Santiago de Compostela converteuse no epicentro dun espazo de diálogo e reflexión clave para a sociedade galega. O Hotel Oca Puerta del Camino acolleu, ás 10:00 horas, o almorzo institucional de oración enmarcado no proxecto anual Galicia Oramos por ti 2026, que este ano se celebrou baixo o lema: “Familia e Valores, como fundamento do noso futuro”.
O evento consolidouse como un punto de encontro fundamental entre representantes da comunidade evanxélica, autoridades políticas e diversas institucións da comunidade autónoma, co obxectivo de compartir un tempo de análise sobre os desafíos da actualidade social.
A presentación do acto correu a cargo de Luis Otero Sousa, pastor e representante denominacional das Igrexas de Asembleas de Deus de Galicia no Consello Evanxélico de Galicia (CEG).

Reflexión pastoral e profesional en formato TED
O bloque de intervencións iniciouse coa benvida de Enrique Iglesias Campelo, secretario executivo do CEG, quen destacou na súa intervención que, “a familia é o deseño diviño e o primeiro espazo de acollida, refuxio e aprendizaxe do ser humano”. Tras as súas palabras, o grupo de encomio guiou aos asistentes nun primeiro momento musical.
A xornada continuou cunha dinámica de conferencias en formato TED. A primeira delas foi impartida por María Navaza Romero, coordinadora de centros de protección de menores da Asociación Dignidade, quen abordou a temática dende unha perspectiva técnico-profesional. Durante a súa intervención, sinalou “que vivindo en tempos de grandes desafíos, a familia, en toda a súa amplitude e diversidade, segue sendo un dos principais espazos de apoio, coidado e refuxio”.
Dando paso á vertente espiritual, o pastor Ricardo Rentería elevou unha oración enfocada na defensa dos non nados, así como no consolo para aquelas familias marcadas polo duelo ou a soidade. Posteriormente, o grupo musical de loor interveu novamente.
A segunda conferencia TED tivo un enfoque pastoral e foi liderada por Timoteo Figueirido Woodford, pastor da Igrexa de Irmáns da Coruña (institución que o ano pasado conmemorou o seu 150 aniversario de presenza na cidade). No seu relatorio, Figueirido Woodford destacou que “a familia é unha comunidade de servizo de entrega e de sacrificio, que é o que Deus fai ao enviarnos ao seu fillo por amor a nós. Trátase de dar e non de recibir.”

Pola súa banda, Marcos Zapata, pastor e presidente da Alianza Evanxélica Española, puxo o foco nunha firme proposta do pobo evanxélico: a necesidade de que a familia sexa considerada de xeito transversal en todas as leis que se lexislaren, avaliando sempre o impacto real das normativas aprobadas sobre o núcleo familiar.
Completando este bloque de intercesión, Pedro Naves, pastor da Igrexa do Corpo de Cristo en Vigo, orou pola sensibilidade cara aos colectivos máis vulnerables do noso contorno e pediu “que levante homes e mulleres no medio desta sociedade indo aos lugares de necesidade como son as prisións ou os hospitais”.
Respaldo institucional e compromiso político
Tras un novo interludio musical, abriuse o bloque de intervencións políticas e institucionais. O primeiro en tomar a palabra foi José Antonio Constenla, concelleiro do grupo municipal do PP no Concello de Santiago de Compostela, quen sinalou que “falar da familia é falar do futuro de Galicia, e que os valores da responsabilidade, solidariedade, esforzo, honestidade que son cultivados nos fogares, eses mesmos valores enriquecen a nosa sociedade”.
A continuación, Ángel Rodríguez Conde, deputado do grupo parlamentario del Partido Popular no Parlamento de Galicia, agradeceu o convite e sinalou “dende a humildade que é importante escoitar, e que imos traballar para darlle pulo a todo o sexan políticas sociais”.
O peche da representación institucional estivo a cargo de Sandra Vázquez Domínguez, directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias da Xunta de Galicia, quen destacou na súa intervención que “a Xunta de Galicia ten políticas sociais para as familias dende o berce hasta la vellez”.
Clausura e unidade
O broche final do evento púxoo Miguel Zapata Alcayde, pastor e presidente do Consello Evanxélico de Galicia, quen compartiu unha breve reflexión sobre os valores familiares e dirixiu unha oración polos gobernantes, fundamentada nos principios bíblicos.
O acto concluíu nun ambiente de solemnidade e fraternidade coa interpretación do himno do antigo Reino de Galicia á gaita galega e a tradicional fotografía de familia con todos os asistentes.

