Galicia Oramos por Ti 2026 reunirá igrexas e entidades evanxélicas de toda Galicia

O vindeiro mes de xuño celebrarase unha nova edición de Galicia Oramos por Ti 2026, unha iniciativa impulsada polo Comité Organizador de Galicia Oramos por Ti, en colaboración co Consello Evanxélico de Galicia e en sintonía coa plataforma nacional España Oramos por Ti.

O evento, que terá lugar nas cidades de Santiago de Compostela e A Coruña, busca promover a unidade e o testemuño público do pobo evanxélico en Galicia baixo o lema deste ano: “A familia e os seus valores”.

Almorzo Institucional de Oración en Santiago

A primeira das actividades terá lugar o sábado, 20 de xuño, ás 9:30 horas, coa celebración do Almorzo Institucional de Oración no Hotel Puerta del Camino.

O encontro reunirá representantes de igrexas evanxélicas, autoridades políticas e institucionais de Galicia, así como representantes diplomáticos e sociais, nun espazo de reflexión e comuñón.

A organización sinalou que o almorzo contará con intervencións centradas na importancia da familia e dos valores cristiáns na sociedade actual.

Debido á capacidade limitada, será necesaria inscrición previa. Enviaráselles ás igrexas unha ligazón a través da cal se poderá acceder ao formulario de inscrición para participar no Almorzo Institucional de Oración Galicia Oramos por Ti 2026, dirixido a pastores/as e líderes, que se celebrará no marco da festividade do Día do Evanxeo, Festa da Esperanza. A inscrición previa é obrigatoria debido á limitación de aforo e poderá realizarse ata o 8 de xuño de 2026.

Día do Evanxeo, Festa da Esperanza na Coruña

A segunda gran cita será o sábado, 27 de xuño, coa celebración do Día do Evanxeo, Festa da Esperanza na Coruña.

A xornada comezará ás 17:00 horas cunha marcha polas rúas da cidade da A Coruña, concibida como un acto público de fe e testemuño cristián. Durante o percorrido participarán grupos musicais, gaiteiros, actividades culturais e diferentes expresións artísticas.

Un dos momentos máis destacados será o acto simbólico de oración colectiva por Galicia, España e as familias.

Está previsto que a programación conclúa cun festival (pendente da autorización municipal para o uso do espazo público) nos Xardíns de Méndez Núñez, onde haberá música, loanzas e testemuños.

 

Culto unido e cea solidaria na Coruña

Como inicio das actividades enmarcadas dentro do proxecto Galicia Oramos por Ti 2026, o vindeiro sábado 6 de xuño celebrarase un culto unido ás 18:00 horas na igrexa Asembleas de Deus da Coruña, situada na rúa Gambrinus, 34 B, 15008 A Coruña.

Posteriormente, ás 20:00 horas, terá lugar unha cea benéfica na igrexa Centro de Adoración Ebenecer, situada na rúa Isaac Peral, 8, baixo, 15008 A Coruña.

Ambas actividades forman parte da programación previa de Galicia Oramos por Ti 2026 e teñen como obxectivo fortalecer a unidade, a oración e a colaboración entre as igrexas evanxélicas, especialmente da provincia da Coruña, estendendo ademais a invitación a participar a todas aquelas igrexas evanxélicas de Galicia que desexen sumarse a esta iniciativa.

Chamamento á participación e colaboración

Desde o Comité Organizador anímase ás igrexas de toda Galicia a sumarse activamente a esta convocatoria, promovendo a participación de pastores, mozos, mulleres e representantes da diversidade do pobo evanxélico galego.

Así mesmo, solicítase colaboración voluntaria en tarefas de organización, seguridade, fotografía e difusión para o desenvolvemento do evento.

A organización tamén propón dedicar a semana do 20 ao 27 de xuño á oración pola familia e á reflexión sobre os valores cristiáns nas igrexas locais.

Para máis información e confirmación de asistencia, as persoas interesadas poden contactar co Comité Organizador a través do:

Pastor Antonio Pazos Souto, chamando ao 636 464 259,
ou ben co Pastor Javier Otero Sousa, chamando ao 675 838 688.