A Consellería de ERE do CEG solicita a apertura de listas para mestres

O Consello Evanxélico de Galicia(CEG) solicita a apertura de listas do profesorado de relixión evanxélica tanto para a educación primaria como para o ensino secundario.

Esta petición fundaméntase na necesidade de contar con persoal cualificado e suficiente para cubrir todas as vacantes que existen en todas as provincias galegas, e que non se poden atender debido a restrición de ámbito dalgúns dos docentes. Daríase con isto resposta as demandas de moitos pais/nais e titores legais de menores que reclaman o ensino relixioso evanxélico (ERE) nos correspondentes centros educativos na Comunidade Autónoma Galega.

A apertura de listas do profesorado de relixión evanxélica suporía que o alumnado de relixión evanxélica sexa atendido cando xorde unha baixa, como xa pasou a finais do curso pasado onde quedaron sen cubrir as respectivas baixas. Ante isto, o Consello Evanxélico de Galicia considera urxente a apertura das mencionadas listas para o profesorado da ERE.

Con todo, o CEG seguirá insistindo en que se garante tanto o acceso ao alumnado á ERE como a garantía de calidade educativa coa cobertura das baixas, sempre dentro do respecto á liberdade relixiosa e a igualdade de oportunidades para os alumnos/as  e para todos os docentes interesados en impartir esta materia.

Solicitudes de matrícula para os alumnos da ERE

Outro tema a destacar por parte do CEG é a solicitude á Xunta de Galicia de que en todos os sobres de matrícula e solicitudes que se entregan nos centros educativos se inclúa  especificamente a opción de relixión evanxélica como tal, e non só a de relixión xenérica ou alternativa. Desta forma, evitaríase a negación de certos equipos directivos a non recoller as solicitudes por non ter dita materia activa, o que supón unha discriminación e unha vulneración do noso dereito constitucional.

O Consello Evanxélico de Galicia comprometese coas familias con nenos/as que queiran solicitar a opción de relixión evanxélica nos centros educativos de Galicia para poñer en evidencia ante a Xunta de Galicia esta problemática na procura de defender os dereitos e os interesess dos crentes evanxélicos, así como promover o diálogo e a cooperación  coas administracións públicas.

O CEG lembra que un dos dereitos que nos asiste como cidadáns é o da liberdade relixiosa, que implica o respecto ás nosas convicións e a posibilidade de recibir unha educación acorde con elas.

Consellería de ERE do CEG