Manuel Fernández Vila, pastor emérito da Igrexa de Asembleas de Deus da Coruña, faleceu no día de onte mércores, 24 de maio de 2023 aos 87 anos de idade, por mor dunha grave enfermidade e tras varias semanas de hospitalización no CHUAC da Coruña.
Manuel Fernández foi un pastor recoñecido polo seu labor pastoral, polo seu liderado tanto dentro da súa denominación, así como na comunidade evanxélica. A súa entrega ao traballo eclesial será un exemplo para imitar polos que lle suceden. Precisaríanse moitos cualificativos para describir o seu proceder e entre estes, as Asembleas de Deus de España (ADE) caracterizouno pola súa integridade, rectitude e afabilidade no exercicio do seu liderado destacando o traspaso do legado pastoral cara ás novas xeracións.
Manuel Fernández é autor do libro “Historia da Igrexa da Coruña, a primeira das Asembleas de Deus de España” no cal narra as experiencias vividas na Igrexa das Asembleas da Coruña desde o ano 1947 ata o 2010, etapa durante a que foi pastor da mencionada igrexa.

Tras coñecerse a noticia da defunción do pastor Manuel Fernández Vila foron moitas as mostras de condolencias que aparecendo por diferentes medios. Pola súa banda a Xunta do Consello Evanxélico de Galicia, enviou unha nota de condolencias á familia facéndolle chegar a súa máis sentida pésame e expresando o seu agarimo e apoio.
Así mesmo, tamén nas redes sociais apareceron moitas mostras de agarimo que transmitían o seu máis sentido pésame aos familiares e demais familia na fe. Unha destas mostras foi a do reitor da Facultade de Teoloxía de ADE na Carlota, Córdoba, Jesús Caramés, quen lembraba a súa valentía como pioneiro e fundador de igrexas en épocas de forte intolerancia relixiosa en España: “Aínda ecoan as súas palabras cando nos contaba como nos inicios da igrexa da Coruña, lanzaban pedras contra a porta, e os cristais, e aparecían pintadas difamatorias…”
ver enlace en facebook: https://m.facebook.com/story.php?story_fbid=pfbid02SrcMokxijcMBMrDWKhZdkzMHNiAXJZnjHTcsSjAvd1uoWN7qxwFKPLhH2WTfRdWAl&id=1228161185&sfnsn=scwspwa
A 1ª Igrexa de Asembleas de Deus de España deulle a despedida de corpo presente na capela do tanatorio Alvia ao seu pastor emérito nun breve acto no que interviñeron algúns dos actuais líderes de ADE, que foron pastoreados por el, entre eles, José Luis Zapata e David Rego quen mencionou o seu agradecemento e algunha anecdota das moitas que poderían lembrar. Tamén estivo presente o presidente das Asembleas de Deus de España, Juan Carlos Escobar, quen trasladou á familia as mostras de condolencias en nome do Consello Executivo e de toda a familia de ADE. O acto de despedida estivo presidido por Javier Otero e clausurado por Luís Otero, ambos os actuais pastores desta igrexa.
Visiblemente emocionado o pastor, Luís Otero pechou o acto de despedida coa seguinte cita bíblica:
“Pelexei a boa batalla, acabei a carreira, gardei a fe. Polo demais, estame gardada a coroa de xustiza, a cal me dará o Señor, xuíz xusto, naquel día; e non só a min, senón tamén a todos os que aman a súa vinda” (2ª Timoteo 4:7, 8).

Foto de Manuel Fernández e a súa dona Amelia xa na presenza do Señor
O próximo mes de xullo está previsto que se celebre un memorial no local da Igrexa de Asembleas de Deus da Coruña, na r/ Gambrinus, 34 B, da Coruña.
