As celebracións do 150 aniversario da Igrexa Evanxélica do Camiño na Coruña ao longo deste ano 2025, inclúen un ciclo de cinema que se estenderá durante os próximos meses. O vindeiro sábado, 15 de marzo, dará o comezo o ciclo de cinema coa proxección da película “A existencia, ou non, de Dios”. A sesión desta semana abordará o dilema sobre a existencia, ou non, de Dios. A súa proxección está prevista para ás 7 da tarde, e poderase ver no Círculo de Artesáns da rúa San Andrés, nº 55 na Coruña, cuxa entrada será gratuíta ata completar o aforo.
En datas posteriores, emitiranse varias películas tanto no Círculo de Artesáns como en diferentes lugares da cidade da Coruña.
Ademais, este mes, os nenos e as súas familias poderán gozar de “A viaxe de Jasir” a cargo dos Gospelittles do Coro Gospel Vida. Trátase dun espectáculo de cor, música e contacontos, no que os asistentes poderán coñecer os inicios da música góspel a través da historia de Jasir, un neno africano vendido como escravo para traballar nunha plantación de algodón.
A actuación dos Gospelittles será no local da propia Igrexa Evanxélica O Camiño, sita na rúa Curros Enríquez 43, baixo posterior, na Coruña, o venres, 21 de marzo, ás 6 da tarde. A entrada tamén será gratuíta ata completar o aforo.
