A Igrexa Evanxélica da Coruña, baixo o título “Pegadas no barro”, en conmemoración do seu 150 aniversario, presenta un proxecto expositivo e educativo que invita a descubrir as raíces máis antigas do cristianismo e a súa pegada na historia da cultura occidental, e faino a través dunha viaxe no tempo.
A inauguración da exposición está prevista para o 5 de setembro ás 19:00 horas na sede do Círculo de Artesáns, situado na rúa San Andrés, 36 da Coruña. Poderá visitarse do 5 ao 13 de setembro en horario de mañá de 9:30 a 13:30 e de tarde de 16:30 a 20:30.
Pegadas no barro acolle arredor de 90 reproducións arqueolóxicas en cerámica, elaboradas a escala real ou reducida, cada unha acompañada de paneis informativos que explican tanto os aspectos técnicos como a carga simbólica das pezas. Son obxectos que nos lembran séculos de historia, desde o mundo celta e ibérico ata o Renacemento e o Barroco, pasando por etapas clave como a paleocristiá, visigoda ou mudéxar.
A mostra complétase cun programa formativo pensado para distintos públicos. Polas mañás, o alumnado poderá participar en aulas didácticas adaptadas a cada nivel, desde Primaria ata Bacharelato, cun enfoque histórico, artístico e semiótico. Polas tardes, o público xeral poderá unirse a visitas guiadas de 45 minutos, abertas a quen desexe comprender o trasfondo cultural e espiritual das pezas. Ademais, o proxecto inclúe conferencias temáticas que enriquecerán o percorrido.
O obxectivo de “Pegadas no barro” non se limita á contemplación artística. A proposta procura, en palabras dos seus organizadores, difundir de maneira didáctica o patrimonio histórico e fomentar unha reflexión sobre a nosa identidade cultural, marcada pola confluencia de contextos xudeu, cristián e musulmán. A exposición invita tamén a mirar con novos ollos símbolos que aínda hoxe permanecen no noso contorno, moitos deles nacidos en séculos pasados e cargados de significado espiritual.

A comisaria da exposición, Ana Jiménez Díaz, oleira e ceramista formada na Escola de Artes de Guadix (Granada), volcouse neste proxecto coa súa experiencia nas artes plásticas e o seu amplo coñecemento das técnicas tradicionais. O seu traballo permite que cada reprodución achegue ao visitante non só ao obxecto histórico, senón tamén ao proceso artesanal que o sostén.
Con “Pegadas no barro”, a Igrexa Evanxélica na Coruña ofrece unha ponte entre fe, historia e arte, convidando a todos a percorrer as sendas que deixaron os nosos devanceiros e a reflexionar sobre o legado que hoxe seguimos a pisar.
A Igrexa Evanxélica O Camiño, tras 150 anos de presenza na cidade da Coruña, atópase na actualidade situada na rúa Curros Enríquez 43, baixo posterior da Coruña.
OBRADOIRO DE BARRO
Finalmente, o proxecto “Buscando a luz” non se levou a cabo, aínda que estaba inicialmente incluído na programación.
Buscando a luz
Como extensión e complemento da exposición principal, a Igrexa presenta un segundo proxecto baixo o título “Buscando a luz”, unha proposta que combina a dimensión histórica coa experiencia práctica.
A mostra reúne 120 reproducións arqueolóxicas en cerámica de lucernas, pequenos obxectos duns 10 cm de media que foron esenciais para a vida cotiá desde o Paleolítico Superior ata finais do Imperio Romano. Cada peza, reproducida a escala real, acompáñase da súa ficha técnica e permite ao visitante descubrir como a evolución deste sinxelo obxecto respondía ás necesidades de cada época.
O percorrido pode realizarse en formato de visita guiada ou aula didáctica, onde se explica a tecnoloxía, o funcionamento e as curiosidades das lucernas. O proxecto cobra unha dimensión especial no obradoiro de barro, no que os participantes teñen a oportunidade de elaborar a súa propia lucerna utilizando a técnica do molde, sen necesidade de cocción nin coñecementos previos de cerámica.
Os obxectivos de “Buscando a luz” abranguen o didáctico, o reflexivo e o práctico. Por unha banda, adquírese coñecemento técnico e artístico sobre a lucerna ao longo dos séculos; por outra, invítase a reflexionar sobre a procura da luz como metáfora espiritual da necesidade interior de cada ser humano. Finalmente, o obradoiro fomenta un ambiente inclusivo e colaborativo, onde a creatividade e o lecer se unen nunha experiencia compartida.
Duración: 3 horas incluíndo obradoiro e aula didáctica.
Participación: sen límite de idade, aberto a todo o público e de balde.
