Falece aos 97 anos o pastor Álvaro Figueirido Bibiloni, servo fiel do Señor

Na noite do martes, 9 de decembro de 2025 , na cidade de Vigo, partiu á presenza do Señor Don Álvaro Figueirido Bibiloni, aos 97 anos de idade. Pastor moi querido e amplamente recoñecido na Obra Evanxélica en Galicia e no conxunto de España, deixa tras de si un legado espiritual que marcou a varias xeracións. Pai de 11 fillos —froito dos seus dous matrimonios—, a súa vida estivo profundamente dedicada ao servizo do Evanxeo.

O acto de despedida terá lugar o xoves 11 de decembro ás 16:00 h na Igrexa Evanxélica Xebre de Castiñeiras. A continuación, os seus restos recibirán sepultura no cemiterio O Bo Pastor de Castiñeiras.
O horario de velorio será de 10:00 a 23:00 h no Tanatorio do Barbanza Xarás, sala 6.

Unha vida marcada polo Evanxeo

Nado en Palma de Mallorca, Don Álvaro medrou nun fogar fondamente comprometido coa fe. O seu avó, Juan Bibiloni, foi exmonxe, colportor e pastor evanxélico, unha influencia espiritual que marcou de maneira especial a súa historia familiar.

Aos 12 anos, debido ás circunstancias derivadas da Guerra Civil, a familia trasladouse a Vigo, onde se integraron na igrexa da rúa Pi e Margall, pastoreada por Edmundo Woodford, quen co tempo chegaria a ser o seu sogro. Foi nese contexto onde axiña destacou como mozo activo, servicial e dotado para a predicación e o liderado.

Servizo a tempo completo e ministerio itinerante

Ao redor dos 30 anos, Don Álvaro foi encomendado á Obra do Señor a tempo completo. Durante anos atendeu a mocidade, visitou grupos de crentes en Galicia e realizou xiras por España, levando a Palabra a igrexas e crentes illados en cidades como Madrid, Barcelona, Sevilla ou as Illas Canarias.

Posteriormente pastoreou durante un longo período a igrexa en Castiñeiras, Ribeira, estendendo o seu ministerio a Cabo de Cruz, Boiro, Taragoña e outras localidades, impulsando tamén a mocidade en campañas de evanxelización e reparto de literatura.

Fundador de ministerios que marcaron xeracións

En 1965 fundou en Castiñeiras un dos campamentos evanxélicos de verán máis antigos de España, un espazo que formou espiritual e humanamente a milleiros de mozos.
Anos máis tarde, en 1981, iniciou as Conferencias de Semana Santa, que durante décadas reuniron a centos de crentes de toda España, primeiro en Panxón e posteriormente en Carballiño. Participou activamente nestes encontros incluso pasados os 90 anos, demostrando un espírito incansable.

Un legado que permanece

Don Álvaro ensinou aos seus fillos a amar, estudar e predicar a Palabra de Deus, animándoos a levar o Evanxeo a cada vila e cidade. Todos eles medraron comprometidos coa Obra, sendo dous obreiros a tempo completo e os demais servindo en diversas responsabilidades.

“E eu, con o maior pracer, gastarei o meu, e aínda eu mesmo me gastarei de todo por amor das vosas almas, aínda que, amándovos máis, sexa amado menos 2ª Corintios 12:15

Hoxe despedimos un servo fiel, agradecidos a Deus pola súa vida, a súa entrega e o seu exemplo. O seu labor, sementado con amor e constancia, continúa a dar froito na vida de moitos.

Pedímoslle ao Señor que consuele e fortaleza toda a familia Figueirido Bibiloni nestes momentos.