O Coro Evanxélico de Marín celebrará un concerto navideño na Coruña

O Coro Evanxélico de Marín ofrecerá na Coruña o concerto de Nadal “Celebra o agasallo do Nadal”

O vindeiro 7 de decembro, o Coro Evanxélico de Marín presentará no Teatro Colón o concerto de música de Nadal “Celebra o agasallo do Nadal”, unha cita que convida a gozar dunha mensaxe de esperanza e do amor de Deus expresado a través da música.

O recital comezará ás 19:00 horas e a entrada será libre e gratuíta ata completar a capacidade do recinto.

  

Este evento enmárcase na celebración dos 150 anos de presenza e servizo da Igrexa Evanxélica na cidade da Coruña, unha traxectoria marcada polo seu compromiso coa axuda social, a educación, a defensa da liberdade de pensamento e a transmisión dunha mensaxe de fe e alento. Como parte desta conmemoración, a Igrexa promoveu ao longo do presente ano 2025 diversas actividades públicas e gratuítas, entre as que destaca este concerto.

A música ocupa un lugar central na vida comunitaria evanxélica. Nas reunións, os cantos permiten expresar a fe, renovar as forzas e buscar unha maior proximidade con Deus. Ao longo da historia, especialmente desde a Reforma Protestante do século XVI, a música congregacional destacou por integrar estilos populares co fin de achegar a mensaxe a toda a xente. Hoxe, a música evanxélica continúa a evolucionar e abrangue unha grande diversidade de xéneros.

A Asociación Cultural Kalos é a entidade responsable da organización do concerto, que conta co patrocinio da Igrexa Evanxélica O Camiño e coa colaboración do Concello da Coruña e do Consello Evanxélico de Galicia.