O concerto góspel en conmemoración do 150º aniversario da presenza evanxélica en Galicia, celebrado o pasado sábado, 5 de xullo, no Teatro Colón de A Coruña, amosou un repertorio musical moi variado e enriquecedor.


O Coro Góspel Vida ofreceu unha actuación brillante que conseguiu que a audiencia se implicara en diversos momentos da velada. A dirección musical estivo a cargo de Tony Recamán, recoñecido músico con ampla experiencia na dirección de coros. Recamán formouse con destacados directores que introduciran o gospell en Europa, como Dan Hollingsworth, Nancy Roncesvalles, Vandalyn Kennedy, Joakim Arenius e Damien Sneed, entre outros.

Durante o concerto, con acerto e bo criterio, Recamán aproveitou as pausas entre algunhas cancións para compartir breves relatos sobre os inicios da música gospell no sur dos Estados Unidos, achegando así á audiencia a historia e o significado deste xénero. Ademais, expresou o seu agradecemento tanto ás institucións colaboradoras como a cada un dos asistentes.
O Coro Góspel Vida foi fundado en 2014 e realiza concertos solidarios deseñados para presentarse en auditorios ou espazos ao aire libre adecuadamente preparados. Composto por varias decenas de voces e un equipo de músicos, o coro constitúese como unha asociación cultural a nivel autonómico e é o único coro góspel en Galicia que forma parte da Federación Nacional de Coros Góspel de España, FedeGóspel.
O aforo do Teatro Colón completouse, permitindo aos asistentes gozar dunha actuación de primeiro nivel. A entrada foi libre e gratuíta ata completar aforo, demostrando o interese e o apoio do público a este destacado grupo musical.
O concerto foi organizado pola Asociación Cultural Kalos, patrocinado pola Igrexa de Asambleas de Irmáns O Camiño da Coruña, coa colaboración do Consello Evanxélico de Galicia e o Concello da Coruña.

