Consternación polo falecemento de Xoan Víctor, mozo evanxélico en Galicia

A comunidade evanxélica en Galicia, vive días de profunda dor tras confirmarse o achado sen vida de Juan Víctor, un mozo de 19 anos desaparecido hai semanas tras sufrir un accidente no río Miño, na zona do encoro dos Peares (Lugo).

O suceso, que tivo lugar a finais de marzo mentres practicaba kaiak, deu inicio a un amplo dispositivo de procura que se prolongou durante semanas e mobilizou a equipos de emerxencia, voluntarios e veciños da zona. Durante todo este tempo, a familia, amigos e a súa igrexa evanxélica mantiveron unha constante cadea de oración, danto testemuño e mostrando unha fe firme e unha gran unidade no medio da dor e da incerteza.

Momento de oración nos Peares por Xoan Víctor trala súa desaparición.

Especialmente conmovedor foi o testemuño da nai de Xoan Víctor, quen, en medio da dor, expresou unha profunda confianza en Deus. Lembrou que o versículo favorito do seu fillo era Filipenses 1:21 —«Para min o vivir é Cristo e o morrer é ganancia»—, e manifestou o seu desexo de descansar na vontade de Deus mesmo neste tempo de sufrimento.
Xoan Víctor formaba parte activa da súa igrexa local, a Igrexa Evanxélica Boas Novas en Lugo, onde era especialmente querido polo seu carácter próximo, o seu compromiso e a súa implicación coa xente máis nova. O seu testemuño de vida e a súa dedicación ao servizo cristián foron destacados por quen compartiron con el o seu día a día.
A noticia do seu falecemento xerou unha profunda conmoción tanto no seu contorno máis próximo como na comunidade evanxélica en xeral, que acompañou á familia desde o primeiro momento e continúa facéndoo agora no dó.
Desde o Consello Evanxélico de Galicia queremos expresar a nosa proximidade e solidariedade coa familia de Xoan Víctor, así como coa súa igrexa e amigos. Unímonos en oración por consolo, fortaleza e paz nestes momentos difíciles, confiando na esperanza eterna que ofrece o noso Señor e Salvador Cristo Xesús.

 

Máis información relacionada na seguinte ligazón:

https://protestantedigital.com/espana/71859/hallan-el-cuerpo-de-juan-victor-el-joven-evangelico-desaparecido-en-el-rio-mino