Proxección de O caso de Cristo no Círculo de Artesáns da Coruña

No marco dos actos conmemorativos do 150º aniversario da Igrexa Evanxélica O Camiño na Coruña, que se celebran ao longo deste ano 2025, inclúese un ciclo de cine con diversas producións de temática cristiá. Entre elas, destaca a proxección da película O caso de Cristo, baseada na historia real de Lee Strobel.

Strobel, xornalista de investigación e licenciado en Dereito, declarado ateo convencido, decidiu afondar na figura de Xesús de Nazaret. A través de entrevistas con eruditos especializados en cristianismo e no Novo Testamento, emprende unha rigorosa busca que o leva a examinar as evidencias históricas e documentais sobre a existencia, divindade e resurrección de Xesucristo.

A película proxectarase o venres 28 de novembro, ás 19:30 horas, no Circo de Artesáns da Coruña (rúa San Andrés). A entrada será libre e de balde ata completar a capacidade da sala.

Este evento está organizado pola Asociación Cultural Kalos, co patrocinio da Igrexa Evanxélica O Camiño e a colaboración do Concello da Coruña, o Consello Evanxélico de Galicia e o Círculo de Artesáns da Coruña.