Na contorna da festividade do Día das Letras Galegas, a Igrexa ICE Renovación de Riveira organiza un evento promovido en Galicia pola asociación Xuntos por Galicia (asociación galega de carácter relixioso cultural) baixo o título “Evento público literiario-cultural con motivo do 17 de maio, Día das Letras Galegas”. A celebración terá lugar o venres, 14 de maio no Concello de Riveira.
Neste evento está previsto realizar unha lectura pública en galego de textos da Biblia por parte de diferentes entidades galegas e autoridades do Concello de Riveira.
Ademais da lectura pública, está programada unha breve presentación do libro “A Biblia: O libro de Historias sobre Xesús”. Para iso, contarase entre outros coa participación das persoas que traballaron na tradución do texto.
Asimesmo, o presidente do Consello Evanxélico de Galicia, Juan Martínez Lagos, confirmou a súa asistencia á presentación do libro, en primicia, da tradución ao galego da Biblia infantil. “A Biblia: O libro de historias de Xesús”. Este libro foi coeditado polo Consello Evanxélico de Galicia no ano 2020 e editado por Andamio Editorial.
Con todo, a comisión organizadora destaca e xustifica la importancia de efectuar este evento co propósito de acadar varios obxectivos e ser capaces de satisfacer necesidades e resolver problemas. Entre eles cabe destacar os seguintes:
- Participar activamente nunha data tan relevante para o noso país e a súa historia como é o Día das Letras Galegas.
- Dar a coñecer a relevancia e vixencia do libro máis antigo, importante e influente na historia, a BIBLIA, con lecturas públicas dunha escolma en galego e fomentar a súa lectura diaria.
- Romper estereotipos e prexuízos históricos, demostrando que a BIBLIA, contextualizando a súa aplicación, é unha biblioteca práctica, vixente, chea de sabedoría, accesible a calquera que estea disposto a descubrir o seu contido e actualidade.
- Dar unha mensaxe de unidade no esencial á cidadanía local e rexional, respectando a diversidade, cando participan persoas de diferentes pensamentos e prácticas.
- Presentar a tradución ao galego da Biblia infantil “A Biblia: O libro de Historias sobre Xesús”, poñendo a disposición de pais e educadores unha excelente ferramenta para introducir aos nenos na lectura da Biblia e na súa mensaxe.
PROGRAMA
► Lectura pública en galego de pequenas porcións do libro máis antigo, importante e influinte da historia: A Biblia. A única versión completa en galego foi publicada en 1ª edición no 1989 pola editorial SEPT (Sociedade de Estudos, Publicacións e Traballos). A súa tradución foi coordinada polo teólogo, autor e catedrático, Andrés Torres Queiruga, veciño de Aguiño-Ribeira.
► Presentación en primicia da tradución ao galego da Biblia Infantil : “A Biblia: O libro de historias sobre Xesús” Publicada a finais do 2020 por Andamio Editorial e coeditada polo Consello Evanxélico. Na tradución e revisión do texto en galego participaron varios profesores veciños de Ribeira.
► Os actos serán precedidos de música tradicional galega.
Este programa foi elaborado tendo en conta a actual situación sanitaria por causa da pandemia do Covid19 e logo da súa tramitación coas autoridades pertinentes.