Comunicado do CEG sobre atentado en Barcelona e Cambrils

 O Consello Evanxélico de Galicia (CEG) en calidade de representante das súas igrexas e doutras entidades membro quere mostrar a súa solidariedade e agarimo polos familiares de todas as vítimas así como todo o noso apoio en oración rogando por consolo así como pola pronta recuperación de todos os feridos. O noso apoio tamén ás autoridades de goberno, Forzas e Corpos de Seguridade que traballan para devolver a calma, a normalidade e a seguridade á cidadanía.

Pola súa banda o Consello Evanxélico de Galicia desexa expresar a máis firme condena contra o atentado terrorista que tivo lugar no día de onte xoves, 17 de agosto de 2017 na cidade de Barcelona  e na madrugada de hoxe, 18 de agosto, na localidade terraconense de Cambrils causando  no seu conxunto 14 mortes e máis dun centenar de persoas feridas.

Como cristiáns animamos aos fieis das igrexas evanxélicas, e tamén aos crentes doutras confesións relixiosas a orar e traballar de forma comprometida pola convivencia, o respecto, a tolerancia e a paz en todas e cada unha das nosas áreas de influencia.

Todos sabemos que calquera atentado contra a vida das persoas é causa de repulsa e indignación  e que o que se persegue con actos desa envergadura é roubar a paz, matar e destruír. Oremos para que coa axuda de Deus, saibamos permanecer unidos e firmes fronte a calquera ameaza contra as nosas liberdades, a nosa seguridade e a nosa paz.

A Coruña, 18 de agosto de 2017

Jonathan Bernad Ontiveros
Presidente do CEG