Acto de inauguración con motivo do 150 aniversario da 1ª Igrexa Evanxélica na Coruña

A Igrexa Evanxélica O Camiño sita na Coruña celebrará a través de varios eventos ao longo do ano 2025, o 150º aniversario da súa inauguración.

Baixo o lema: De Coruña desde 1875, achegando liberdade, cultura e axuda social á nosa cidade , terá lugar o arranque do primeiro evento con motivo da celebración dos 150 anos da primeira Igrexa Evanxélica na Coruña cunha mesa redonda este domingo, 12 de xaneiro de 2025 ás 18:00 horas na rúa Curros Enríquez 43, baixo posterior (entrada por C/ Don Bosco, 1). A igrexa fundouse antes de que existise o Deportivo da Coruña ou a Estrela Galicia, antes de que se fundase o xornal de La Voz de Galicia e mesmo uns meses antes da chegada do ferrocarril á cidade da Coruña.

Acto de inauguración

Día: Domingo, 12 de xaneiro 2025

Hora: 18:00 horas

Lugar: Local Igrexa Evanxélica, rúa Curros Enríquez 43, baixo posterior (entrada por C/ Don Bosco, 1)

O acceso é libre e gratuíto ata completar aforo.

A mesa redonda debaterá a temática sobre: “Orixe e crenzas dos evanxélicos”

Nos relatorios tentarase dar resposta a varias preguntas entre elas destacar as seguintes: quen son? que cren? como chegaron a Galicia? como foi a súa relación coa sociedade? que achegaron e achegan á cidadanía? Ademais, poderase descubrir asuntos pouco coñecidos ou cando menos curiosos sobre A Coruña. 

O pastor, Timoteo Figueirido Woodford, fillo e neto de misioneiros será o encargado de moderar a mesa redonda, que contará coa participación de Samuel Pérez Millos (Vigo) e de José Luis Fernández Carnicero (Ourense).

Samuel Pérez Millos, é pastor evanxélico, profesor de Biblia, autor de máis de 40 libros de estudo bíblico. Tamén autor dun comentario exegético ao texto grego do Novo Testamento. Conferenciante internacional e neto dun colportor do século XIX.

José Luis Fernández Carnicero é Licenciado en Ciencias matemáticas, exerce como mestre coa especialidade en ciencias e música. É compositor e autor de varios libros algúns deles relacionados coa historia dos evanxélicos, e escribe en diversos diarios como A Rexión de Ourense. Foi comisario de varias exposicións, algunha das cales se terá a oportunidade de poder visitar ao longo deste ano 2025 na Coruña.

Ademais, están programadas varias actividades conmemorativas do 150 aniversario da 1ª Igrexa evanxélica na Coruña, que se irán ofrecendo durante este ano 2025, tales como:

–              Concertos de música POP, coro Góspel, música Celta e Concerto Do Nadal.

–              Exposicións sobre:

  • Publicacións clandestinas
  • Pegadas do Cristianismo no barro
  • Biblia e cultura
  • Colportores

–              Proxeccións de películas en Centros Cívicos

–              Roteiros guiados polo Protestantismo na Coruña

–              Mesas informativas