O pasado sábado, 16 de maio de 2026, o Consello Evanxélico de Galicia (CEG) celebrou a súa Asemblea Xeral Ordinaria na Igrexa Evanxélica de Asembleas de Irmáns (AAHH), na Ramallosa, reunindo representantes das igrexas e entidades membro nunha xornada marcada polo diálogo, a reflexión e a toma de decisións relevantes para a vida institucional do CEG.

A sesión comezou cun tempo de reflexión bíblica a cargo do presidente do CEG que, debido ao seu proceso de recuperación, foi compartido mediante a proxección dun vídeo. A continuación, procedeuse ao desenvolvemento dos diferentes puntos incluídos na orde do día.
Durante a Asemblea foi aprobada a acta da reunión anterior e presentouse o informe relativo á incorporación de novas igrexas, asunto que foi sometido a votación por parte da Asemblea e posteriormente aprobado.
Un dos temas destacados da xornada foi a análise do IX Congreso Evanxélico organizado por FEREDE, previsto para celebrarse en Barcelona en 2027. O presidente do CEG compartiu un informe sobre este encontro, tras o cal a Asemblea expresou o seu apoio ao evento e avanzou no estudo de propostas de participación nos grupos de traballo promovidos por FEREDE.
No ámbito económico, o tesoureiro do CEG presentou o correspondente informe económico e o orzamento previsto para 2026, que foi aprobado, ofrecendo información detallada sobre a situación financeira e as previsións para o próximo exercicio.
Así mesmo, compartíronse os informes das diferentes consellerías e do secretario executivo, previamente remitidos ás igrexas membro para facilitar unha reunión máis áxil e centrada en consultas e aclaracións.
A Asemblea abordou tamén a elección e ratificación de diversos cargos e consellerías, así como a necesidade de seguir traballando na cobertura de áreas actualmente vacantes, entre elas Diaconía, Patrimonio, Xuventude e Asesoría Xurídica. Do mesmo xeito, desde a área de Medios de Comunicación expresouse a necesidade de iniciar un proceso de relevo e formación para futuras responsabilidades. Neste contexto, animouse novamente ás igrexas membro a presentar candidatos e candidatas para fortalecer o traballo conxunto do CEG.
Durante o desenvolvemento da reunión aprobouse ademais, co visto e prace unánime da Asemblea, a incorporación dun novo punto na orde do día debido a unha situación recente sobrevida relacionada co proceso de acreditación do profesorado de ERE (Ensino Relixioso Evanxélico) e as relacións con FEREDE, cuestións que afectan a todas as consellerías, reflectindo o espírito participativo e de consenso que caracterizou toda a xornada.
A reunión concluíu cun tempo de rogos e preguntas e coa confirmación da próxima convocatoria da Asemblea Xeral Ordinaria do CEG para o 13 de marzo de 2027.
