A 1ª Igrexa Evanxélica das Asembleas de Deus da Coruña celebrou o 75 aniversario da súa estancia na cidade da Coruña. A Igrexa Evanxélica de Asembleas de Deus da Coruña, é a primeira igrexa en España da denominación das Asembleas de Deus, a cal comezou na cidade da Coruña o seu labor pastoral e de apoio social aos membros, fieis e demais persoas necesitadas que acudían aos servizos da igrexa.
Durante os últimos 20 anos estivo traballando principalmente na integración de familias inmigrantes. Destacar tamén o seu traballo e apoio a través da ONG “Asociación comunitaria Compartir “ na repartición de alimentos, roupa, libros, apoio a mulleres en situación de risco de exclusión social etc. O labor desenvolvido a favor da divulgación do evanxeo e do servizo aos máis necesitados rememorouse no acto conmemorativo que tivo lugar, o sábado 26 de novembro de 2022, ás 18:00 horas, no novo local inaugurado hai pouco máis de ano na rúa Gambrinus, 34 B no Polígono da Grela na Coruña.
Desenvolvemento do acto
A apertura do acto correu a cargo do pastor Luís Otero Sousa quen se dirixiu á audiencia dando a benvida e presentando aos invitados, entre eles a algúns representantes políticos locais e diferentes líderes de movemento protestante/evanxélico de Galicia e de España.

Despois dun breve tempo musical de encomios deuse paso ao apartado de historia sobre os tempos pasados da igrexa de Asembleas de Deus na Coruña. O pastor Manuel Fernández relatou aqueles momentos difíciles, cando había moitas necesidades, moita pobreza e grande oposición cara á Igrexa Protestante ou Evanxélica por parte da Igrexa Católica e do franquismo.
Tamén se proxectaron varios vídeos sobre a expansión do traballo levado a cabo ao longo de tantos anos.

A continuación, o pastor Javier Otero, deu paso ás intervencións e saúdos institucionais.

Abriu a rolda de intervencións, Antonio Deus Álvarez do grupo municipal do Partido Popular do Concello da Coruña, quen fixo referencia a unha ilusión:”que todos os cristiáns do mundo algún día esteamos todos unidos…”

Tanto a alcaldesa da coruña, Inés Rey García, como o presidente da Deputación da Coruña Valentín González Formoso, desculparon a súa ausencia por motivos de axenda.
Por parte do Consello Executivo de ADE, o presidente, Juan Carlos Escobar, a tesoureira, Conxa Tendero, e o pastor e vogal do Consello executivo, José María Romo, sumáronse ao evento cunhas palabras de felicitación a través dun vídeo. Quen estivo presente e dedicou unhas palabras foi Esteban Muñoz de Morais Mohedano, pastor e vicepresidente executivo de ADE, o cal se referiu coa súa mensaxe de felicitación a: “75 anos de vitoria e expectación, comprometidos co presente, pero enfocados no futuro”.

O presidente do CEG, Juan Martínez Lagos, agradeceu a invitación e en nome do Consello Evanxélico de Galicia e felicitou á igrexa: “polo 75 aniversario e polo voso amor ao Señor”, dixo. Martínez lembrou que: “non chegastes sós aos 75 anos, Deus tróuxovos ata aquí”. Tamén se referiu ao que reza o versículo lema desta festividade en Oseas 6:3 e engadiu sobre como continúa a cita bíblica, que Deus vos responderá tan certo como o vai chegar o amencer. Concluíu a súa intervención dicindo: “Que así sexa e deséxovos unha bendición para todos vós”.

Finalizou esta parte de saúdos o presidente da Asociación de pastores da Coruña, Antonio Pazos quen dixo: “a obra está viva. Felicitámoslles desexando que Deus siga bendicindo e prosperando como ata o de agora.”

Homenaxes e recoñecementos
Chegado o momento, fíxose un chamamento a cada un dos homenaxeados convidándoos a todos a subir ao estrado e recoller un diploma de agradecemento polo traballo realizado. A continuación, Maribel Álvarez, a persoa con maior antigüidade como obreira nas Asembleas de Deus da Coruña, dirixiuse aos oíntes cunhas palabras, quen nos lembrou como foron os primeiros tempos na igrexa.
Ao concluír o apartado de homenaxes, o pastor Esteban Muñoz de Morais Mohedano finalizou está parte cunha oración polos homenaxeados.


O pastor Javier Otero, foi o encargado de dar por finalizado o primeiro bloque do programa.
No segundo bloque do programa continuouse con algúns encomios, historia e expansión de obra misioneira noutros lugares de Galicia.
O pastor José Luis Zapata disertou sobre os desafíos do futuro a cargo da igrexa.

Tamén houbo un tempo para saúdos doutros líderes das Asembleas de Deus de distintos lugares de España.
Concluíu o acto cunha reflexión bíblica o pastor Esteban Muñoz de Morais Mohedano.

ALGUNHAS FOTOGRAFÍAS E FOTOGRAMAS DOS VÍDEOS RECIBIDOS E DA GRAVACIÓN DO ACTO DO 75 ANIVERSARIO.













Enlace sobre a grabación, prema a continuación.
