Día especial de “Nacer de Novo”: O Consello Evanxélico de Galicia anima ás igrexas a celebrar este 18 de maio

Jaime Fernández, director de Nacer de Novo

Dende o Consello Evanxélico de Galicia queremos trasladar a todas as igrexas evanxélicas unha invitación especial para este domingo 18 de maio, con motivo do día especial do programa “Nacer de Novo”, unha ferramenta valiosa de evanxelización que dá testemuño público da nosa fe nos medios galegos.

Daniel Hofkamp, director do programa na Radio Galega
Daniel Hofkamp, director do programa na Radio Galega

“Nacer de Novo” emítese todos os domingos na Radio Galega ás 7:05 horas e na Televisión de Galicia (TVG) ás 9:25 da mañá, cunha reemisión os martes ás 3:00 h da madrugada. Este programa leva anos achegando a mensaxe do Evanxeo a milleiros de persoas en Galicia, sendo unha fiestra aberta á esperanza de Cristo dende un medio público.

Neste contexto, animámosvos a que durante o culto do domingo 18 de maio, dediquedes uns cinco minutos para emitir un breve vídeo corporativo sobre o programa, que está dispoñible nesta ligazón:

👉 https://www.youtube.com/watch?app=desktop&v=8lfYDR7YhCc

O obxectivo é que as vosas congregacións coñezan mellor esta iniciativa, valoren o seu impacto e poidan involucrarse activamente, especialmente a través da oración polo equipo que o fai posible cada semana. Sentimos este programa como un brazo evanxélico de todas as igrexas evanxélicas de Galicia, e a vosa participación é fundamental para seguir estendendo o Reino de Deus máis alá dos templos.

Dende o Consello, damos grazas pola vosa colaboración e compromiso coa misión. Animámosvos a unirmos a este xesto simbólico, pero cheo de significado, que reforza a unidade do pobo evanxélico galego e o alcance do noso testemuño cristián.

Oremos, participemos e sigamos sementando xuntos!



Consellería de Comunicación

Consello Evanxélico de Galicia