O concerto que se celebrou onte, domingo 9 de decembro de 2018 ás 18:00 horas no salón de actos das Universidade Laboral sita no Concello de Culleredo durante unha hora e vinte minutos, presentou un variado repertorio musical.
Case medio milleiro de asistentes puideron gozar dun estilo de música diferente que o Coro Góspel Vida nos ofreceu. Foi o primeiro concerto solidario da xira que este coro ten previsto realizar. Pola súa banda, con acerto e bo criterio, o director Tony Recamán entre as pausas dalgunhas das cancións do repertorio, aproveitou a ocasión, para explicar á audiencia os inicios do estilo da música góspel a través de breves relatos.
Ademais, hoxe luns 10 de decembro, algúns integrantes do Coro Góspel Vida, teñen previsto impartir un taller sobre a “Historia e a orixe da música Góspel” para dar a coñecer o seu significado e farano en 4 colexios ou institutos da Coruña
A dirección musical correu a cargo de Tony Recamán, recoñecido músico con anos de experiencia en dirección de coral, formándose con algúns dos máis importantes directores que introduciron este tipo de música en Europa, como Dan Hollingsworth, Nancy Roncesvalles, Vandalyn Kennedy, Joakim Arenius ou Damien Sneed, entre outros.
Con todo, Timoteo Figueirido Woodford, representante e promotor do Coro Góspel Vida na Coruña recalcou “a excelente acollida que tivo este evento na Comarca da Coruña e aproveitou a ocasión para agradecer a colaboración tanto institucional como de cada unha das persoas que asistiron ao concerto”.
A entrada foi libre e gratuíta ata completar aforamento. Pediuse a colaboración de 1 kg de alimentos non perecedoiros os cales serán doados á obra social da Igrexa Evanxélica “O Camiño” da Coruña, organizadora deste evento.
O Coro Góspel Vida naceu no ano 2014 e realiza concertos solidarios que están deseñados para ser presentados en auditorios ou recintos ao aire libre adecuadamente preparados. Actualmente está formado por 60 voces e 10 músicos. Constituído como Asociación Cultural a nivel autonómico, trátase do único coro góspel de Galicia pertencente á Federación Nacional de Coros Góspel de España ( FedeGóspel)
Para máis información:
Timoteo Figueirido Woodford, representante e promotor do Coro Góspel Vida na Coruña.
Móbil 629 80 18 87.


