Celebración do programa 1500 de Nacer de Novo

Nacer de Novo é o programa evanxélico da Televisión de Galicia que o sábado 2 de abril ás 6 da tarde comezou a celebración do seu programa 1500 cun acto especial en Santiago de Compostela no Palacio de Exposicións e Congresos de Galicia. A celebración do evento contou coa participación de varios grupos musicais invitados para esta ocasión tan especial. Entre eles destacamos a Alex Sampedro, Kike Pavón, Marcos Martíns, Esperanza de Vida, o Coro Góspel Vida e o Coro Evanxélico de Marín.

O director do programa é Jaime Fernández Garrido quen comentou que Nacer de Novo é o programa institucional máis antigo en canto a número de emisións de toda Europa e considera que merece a pena celebralo e apuntalo. É un programa que quere expresar e levar o Evanxelio a todas as persoas, e que sexa capaz de emitirse durante 1500 semanas seguidas é unha gran noticia para todos. Tamén recordou que é o único programa que se emite nas diferentes plataformas dixitais de España, de Europa, na canle “Galicia TV” para todo América dende fai quince anos. Ademais mencionou que para o pobo evanxélico, Nacer de Novo axudoulles a romper algunhas barreiras de descoñecemento por parte dos seus veciños e impulsoulles a dar testemuña do que Deus está facendo nas súas vidas dun xeito máis directo.