Conmemoración do 500 Aniversario da Reforma en Santiago

Os eventos conmemorativos do V Centenario da Reforma Protestante (1517-2017) que se celebran na cidade de Santiago arrincan cun acto o vindeiro luns, 23 de outubro ás 19:00 horas, na sala de exposicións de AFUNDACIÓN en Rúa do Vilar, 19 de Santiago de Compostela.

Neste acto, está prevista a inauguración da exposición itinerante de Biblias: “Biblias da Reforma” cunha breve visita guiada a cargo do xornalista e escritor, Marcos Gago. Poderán verse máis de 100 exemplares de tipos de Biblias en idiomas orixinais e traducións antigas, estudos de códices, impresiones facsímiles, edicións católicas e protestantes, traducións en varios idiomas, incluído o calou, e curiosidades.

A exposición de Biblias distribúese en varias seccións. Nunha das cales se expoñerán as orixes da Biblia e poderanse ver reproducións de rolos antigos así como unha mostra de papiros. Nesta sección destácase ademais a importancia que para os primeiros cristiáns tivo a Biblia.
Poderá visitarse ata o sábado, 28 de outubro en horario de 12 a 2 e pola tarde de 5 a 9, sendo a entrada libre e gratuíta.

Así mesmo, ao longo desta semana serán varias as conferencias que tratarán sobre as importantes consecuencias que tiveron lugar por causa do movemento da Reforma no ámbito social, político, económico e relixioso tanto en Europa como posteriormente en España.

A primeira conferencia titulada “A orixe e fundamento da Reforma” correrá a cargo do teólogo Heber Torres e terá lugar o martes 24 de outubro, na sede de Afundación ás 20:00 horas, sita en Rúa do Vilar nº 19 en Santiago.

O seguinte día, mércores 25 de outubro ás 20:00 horas impartirase a segunda conferencia, e contará coa participación de Gabino Fernández, historiador, escritor e licenciado en Teoloxía na especialidade de Historia da Igrexa, quen nos falará sobre “Reforma e contrarreforma en Galicia”.
Será o xoves, 26 de outubro, a cargo de Jaime Fernández, director do programa Nacer de Novo, co título “A Revolución de Lutero”, cando se conclúa este ciclo de conferencias tamén na sede de Afundación ás 20:00 horas.

Como punto de peche o sábado, 28 de outubro de 2017 ás 19:00 horas no Auditorio de AFUNDACIÓN, sito na rúa Preguntoiro nº 23, celebrarase un concerto de Coro e Orquestra do 500 aniversario da Reforma, composto por 120 voces e músicos de diversas Igrexas Evanxélicas de Galicia baixo a dirección de Emilio Lagos quen conta cunha dilatada experiencia en dirección de corais.